lunes, 19 de noviembre de 2007

Exposicións Itinerantes

A paisaxe Arqueolóxica das Terras Baixas do Uruguai

Exposición na que se presentan as principais liñas de acción do proxecto de cooperación científica "A Paisaxe Arqueolóxica das Terras Baixas. Un modelo de xestión integral do Patrimonio Arqueolóxico uruguaio" desnvolvido dende 2004 polo Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe e o Departamento de Arqueología da FHCE-UdelaR.

Onde as rúas non teñen nome: a vida cotiá en dúas aldeas Gumuz de Etiopía Occidental

Exposición fotográfica que recolle a investigación etnoarqueolóxica desempeñada en 2006 pola Misión Arqueolóxica Española no Nilo Azul na zona de Metekkel, froito do traballo e da convivencia diaria co grupo étnico Gumuz. Dende a Arqueoloxía achegámonos á cultura material e o modo de vida destas comunidades que lexos de ser primitivias, gardan moitos paralelismos co que era a vida nunha parroquía galega dos anos 40.

jueves, 15 de noviembre de 2007

A Cultura Cientíca ó alcance de todos:

Actividades de Divulgación sobre Arqueoloxía e Patrimonio no Centro Penitenciario de A LAMA (Pontevedra)

Programa novedoso que pretende achegar a cultura científica os internos dun centro penitenciario. O programa inclúe un variado elenco de actividades que conxungan a teoría e a práctica favorecendo así a aprendizaxe nun ambiente lúdico e distendido:
  • Obradoiros teóricos.
  • Vistas guiadas a lugares de interese arqueolóxico e patrimonial.
  • Café Científico.
  • Campañas de escavación arqueolóxica.
Período de execución: Maio-Decembro 2007.

viernes, 19 de octubre de 2007

Xornadas de Portas Abertas


Do 5 ó 6 de novembro

Obradoiros

  • Cerámica Prehistórica

Con este obradoiro de dúas horas de duración, achégase os participantes a unha das técnicas de traballo empregadas no Neolítico e as súas materias primas. O obradoiro comeza cunha breve introducción á Prehistoria, centrada no Neolítico, na que se detalla o marco contextual no que xurde a cerámica e a súa posterior evolución. Despois descríbense as diferentes técnicas para a elaboración dunha peza cerámica e seguidamente cada participante procede á facer unha. A técnica e o modelo empregados son escollidos polo responsable da actividade, en función das características do grupo participante.

  • Os Debuxos nas Rochas

Este obradoiro ten unha duración de dúas horas e o seu obxectivo é aproximar os participantes á Arte Rupestre dun xeito práctico e ameno. Comeza cunha charla introductoria na que se explican os tipos de Arte Rupestre, cáles son os principais núcleos, quen eran os seus autores e como o facían. Mostráselles como é o traballo dos arqueólogos neste campo e incídese na importancia da conservación do noso Patrimonio. A continuación ten lugar a parte práctica, na que cada participante realiza o seu propio “gravado rupestre” empregando como materiais básicos a area e a pintura.

  • Pedras e Terra

Baixo este título preséntanse dous obradoiros, un dirixido a escolares de Educación Primaria e outro orientado a Educación Secundaria e Bacharelato.

Os solos son un dos factores máis importantes no equilibrio dos ecosistemas: fan posible o crecemento das plantas, ó subministrarlles subxección, auga e nutrientes, e por iso posibilitan a vida no planeta na súa forma actual. Procesos como a erosión, a contaminación, a diminución da fertilidade o deterioro das propiedades físicas do solo, poden provocar a degradación dun territorio. A vida e os medios de vida (humanos ou non) dependen da capacidade dos solos para producir.

O principal obxectivo destes obradoiros é tentar introducir o concepto de “solo” e facilitar a comprensión dos procesos xerais de formación edáfica. Ademais, tentarase a caracterización do solo atendendo as súas propiedades físicas e químicas, e á interpretación destas propiedades en función do uso potencial do terreo.

Este obradoiro ofertarase en dúas versións distintas, dirixidas a dous tipos de participantes:

2 OBRADOIRO 1: Destinatarios: Alumnos de Educación Primaria.

Consistirá nunha sinxela explicación sobre as rochas os minerais e o chan e nunha actividade sobre biodiversidade nos solos, na que os máis pequenos realizarán un inventario de fauna nunha mostra fresca de solo.

A duración do obradoiro será de 1 hora e 30 minutos.

2 OBRADOIRO 2: Destinatarios: alumnos de Educación Secundaria e Bacharelato.

Esta actividade consta de dúas partes, cuxa duración estimada poderá ser modificada se o centro solicitante dispón de menos tempo do establecido que son un total de 3 horas e media.


Visitas guiadas


  • Descubrindo Compostela

A actividade consiste nunha visita guiada polo casco histórico da cidade de Santiago de Compostela, facendo un percorrido intra e extramuros da segunda cerca que se construíu durante o s. XI, ampliando o recinto da anterior muralla do s. IX e, en consecuencia, as dimensións da cidade compostelá. Con este percorrido e a través dunha serie de paradas e actividades que se realizan in situ cos participantes, preténdese que cheguen a recoñecer por si mesmos os restos conservados da muralla, as transformacións que ao longo do tempo se van producindo nas cidades amuralladas, de seu limitadas ao crecemento pola existencia dun elemento que as encorseta e que debe integrarse, transformarse ou eliminarse en prol do propio crecemento urbanístico da cidade, o recoñecemento de microtopónimos que se conservan no trazado das súas rúas e prazas e que recordan a anterior condición amurallada de Santiago, etc. Ao final da visita, preténdese que os participantes comprendan o concepto de cidade histórica como algo vivo, mixtificado, emerxente, cambiante, ao longo do tempo, no que se conservan unha serie de elementos que nos falan do seu pasado pero que conviven con outros froito das necesidades socio-económicas, políticas, relixiosas ou funcionais de cada período histórico concreto.

  • Visita ó Castro de San Cibrán de Las

A visita céntrase en San Cibrán das, un dos asentamentos fortificados da Idade do Ferro máis grandes de Galicia. A organización do poboado responde á tipoloxía propia do asentamento indíxena-prerromano, á vez que reflexa con forza as influencias do mundo romano. Á súa vez, a denominada “casa-patio” é a expresión da unidade familiar. Así mesmo, cabe destacar a relación do “castro” coa explotación dos recursos e comunidades do seu entorno.

  • Campo Lameiro: A capiltal galega da Arte Rupestre

Versión I: Campo Lameiro e Cotobade son os municipios galegos con maior número de petróglifos catalogados, sendo estes ademais de gran calidade artística e complexidade compositiva. Trátase dun dos máis importantes conxuntos da arte rupestre europea, polo que se propón realizar unha visita na que se explicará aos asistentes que a interpretación dun petroglifo non consiste só en comprender os motivos gravados senón en analizalos no seu contexto, na paisaxe en que se localizan, e ver como diferentes paneis poden relacionarse entre si ordenando o espazo. Como parte práctica, realizarase un calco dun dos petroglifos visitados seguindo unha metodoloxía arqueolóxica.

Versión II: Petroglifos na noite

Percorrido dispoñible a partir de finais de outubro, aproveitando que os días son máis curtos xa que terá lugar o atardecer, momento máis propicio para contemplar os petroglifos en todo o seu esplendor coa axuda dos focos e dos materiais que emprega habitualmente o equipo de traballo de Arte Rupestre do Laboratorio. Os participantes poderán contemplar esceas de caza, guerreiros montando a cabalo, armas da Idade do Bronce, etc.

  • Camiñando entre túmulos

Visita o conxunto megalítico da Serra do Barbanza, itinerario de contido cultural que percorre un dos conxuntos megalíticos máis importantes de Galicia. Explícanse as características destes xacementos arqueolóxicos de natureza monumental, o seu contexto histórico e a forma de implantarse na paisaxe. Seguindo a ruta megalítica pódese chegar a percibir como fai 6.000 anos se organizou a paisaxe da Serra.

  • Achégate a Prehistoria en Neixón

Visitas guiadas o Castro e o Centro de Interpretación de Neixón (Boiro, A Coruña). A actividade consta dunha visita guiada o Castro de Neixón, onde se explican os últimos resultados das intervencións levadas a cabo no xacemento; e visita o Centro Arqueolóxico de Barbanza, centro de interpretación asociado o xacemento onde se expón a evolución do poboamento prehistórico na Península de Barbanza.

  • Visita guiada pola historia da Terra de Soneira: Dolmens, castros e etnografía

Visita os xacementos arqueolóxicos máis destacados da comarca. Iníciase cunha serie de monumentos megalíticos dispersos polo concello de Vimianzo e continúa coa visita ó Castro de Borneiro. A actividade complétase coa visita a un conxunto etnográfico de muíños e batans. As visitas apóianse en material didáctico complementario e nun xogo de investigación sobre o Castro de Borneiro. O obxectivo é que os escolares adquiran coñecementos básicos sobre megalitismo, a Idade do Ferro e a Idade Moderna da comarca, e tomen conciencia da necesidade de protección e conservación do Patrimonio.

  • Do Neolítico a Idade do Ferro: Dolmen de Axeitos e Castro de Baroña

Visita a dous xacementos arqueolóxicos da península do Barbanza: o Dolmen de Axeitos e o Castro de Baroña. A través dun discurso didáctico apoiado en abundante material gráfico así como material lítico e cerámico, búscase achegar os participantes a dous exemplos de xacementos visibles: un túmulo do Neolítico e un asentamento da Idade do Ferro.


Charlas: Descubrindo a Arqueoloxía e o Patrimonio



  • O traballo dos arqueólogos

Esta actividade trata sobre cómo os arqueólogos estudian a forma en que vivían e se relacionaban os homes/sociedades do pasado, co fin de definir trazos arqueolóxicos, coñecer a súa cultura material e a través dela a súa forma de vida e estudar as formas de organización social, política, económica e ideolóxica. Amósanse os tipos xerais de xacementos e os métodos de escavación e estudo, explicando dende o traballo en campo ata o traballo no laboratorio.

  • A Paisaxe en Galicia: unha aproximación dende a Arqueoloxía

Trata de como o ser humano ó longo dos anos foi transformando o medio natural. Neste sentido, cada sociedade foi modelando a Paisaxe tanto en sentido físico como simbólico. A influencia do ser humano na Paisaxe é fundamental para comprendelo, de modo que a Arqueoloxía como disciplina resulta imprescindible para poder analizar as distintas formas que cada sociedade desenvolveu ó longo tanto da Prehistoria como da Historia.-*/

  • Os habitantes dos castros

A actividade exponse cun dobre obxectivo: en primeiro lugar, aproximar os oíntes a un fenómeno tan característico de Galicia como os poboados fortificados (castros), que han de ser entendidos non soamente como unha manifestación material do pasado senón tamén como espazos de forte significación na actualidade. En segundo lugar, aproximar os oíntes os métodos, técnicas e problemática propias da Arqueoloxía como disciplina capaz de producir coñecemento sobre o pasado a partir do recoñecemento e análise da materialidade no presente. Tendo en conta estes presupostos elaborouse esta charla dunha hora apoiada en documentación visual co fin de facilitar os oíntes a compresión dos contidos aportando numerosos exemplos e características propias da arqueoloxía galega.

  • O ciclo solar e as festas

Inténtase amosar a percepción que os campesiños teñen do tempo solar e de como esa percepción é froito dunha longa tradición que se remonta os inicios das primeiras comunidades agrícolas. O seu tempo está marcado polo ciclo anual e os cambios estacionais fixados a través do culto as súas divindades e da observación dos astros. Trátase de facer ver os participantes como ese ciclo anual, fixado a través do tempo e cun determinado fin, foi adquirindo diferentes contidos debido, sobre todo, á imposición da relixión cristián que intentou ocultar o verdadeiro sentido da influencia dos astros na sociedade tradicional.

  • O Lobo: os medos da xente

Faise un percorrido do que significa o lobo para a nosa cultura tradicional, tanto dende o punto de vista de animal depredador como dende o punto de vista simbólico. Preséntanse as tradicións populares, lendas e mitos entorno ó lobo en Galicia e téntase amosar o importante papel do lobo na cultura tradicional e para o coidado da especie.

  • A agricultura e o pan

Realízase un percorrido mais que da historia do pan, da historia da alimentación con cereais, dende os inicios no Neolítico, pasando pola época castrexa, romana, medieval, moderna e contemporánea, abarcando, en cada estadio cronolóxico, o tema da posta en cultivo, tipos de plantas e de froitos, almacenaxe do producto, transformación do mesmo e cocción. Desta xeito faise un percorrido sintético, á par que didáctico, dos cambios e novidades adaptados ou introducidos ó longo da prehistoria e historia. Para a presentación tómanse exemplos do rexistro arqueolóxico así como tamén da antropoloxía cultural e do rexistro actual tomado das sociedades tradicionais.

  • As paisaxes galegas

Dentro da Península Ibérica, que é unha das zonas con máis biodiversidade de Europa, Galicia ten unha paisaxe diversa e contrastada. Diversidade que vai dende as formas do relevo que caracterizan tanto as liñas da paisaxe costeira –cantís, praias, lagos,…- como os de interior –serras, depresións,…- ata os matices climáticos que van definindo os niveis pluviométricos de norte a sur e da costa cara o interior. O resultado a nivel paisaxístico queda plasmado pola diferenciación de matices entre áreas eminentemente atlánticas e outras que amosan evidentes trazos de mediterraneización. Esta variedade tamén se aprecia tanto a nivel faunístico como na vexetación, na que predominan como elemento natural os carballos que tamén oscilan entre faias e sobreiras.

  • A guerra e formas de guerra no NW

Revísanse os cambios na práctica guerreira entre a Idade do Bronce e a Romanización, cambios que se interpretan como unha consecuencia das transformacións sociais vividas polas sociedades do NW peninsular ao longo deste período e da reversibilidade de devanditos cambios sociais. Ao mesmo tempo tamén se analiza a práctica do combate singular e interprétase, con axuda de comparacións con outras poboacións antigas, históricas e primitivas actuais, como un testemuño de sociedades nas que existen grupos especializados na actividade bélica e como testemuño da implantación, no NW, dunha ideoloxía guerreira na prehistoria recente.

  • Arqueoloxía da Paisaxe, o que hai detrás do que vemos dende as nosas ventás

A temática principal é a Arqueoloxía da Paisaxe, á vez que se inicia aos participantes nesta disciplina, nos seus instrumentos de análise e metodoloxías, trasládaselles a idea básica de que a Paisaxe é o resultado da acción humana e un producto da sociedade. O obxectivo esencial da actividade é amosar que o estudo e caracterización da Paisaxe dende a Arqueoloxía, permite descubrir as características principais de cada momento histórico e, en concreto, a cambiante actitude humana cara á natureza e o entorno. Deste xeito, farase unha breve historia que expón como o proceso actual de artificialización do mundo e destrucción do medio natural é un proceso relativamente novo que caracteriza ás sociedades industriais, aínda que, en diferentes escalas e con diferentes condicións, pódese retrotraer ata o inicio do Neolítico fai 7000 anos. Asemade amosarase que a idea do Paraíso Perdido, o Bo Salvaxe e o Medio Natural son tópicos ideolóxicos que, con todo, reproducen o eco dunha prehistoria (anterior ao Neolítico) na que a vida social non transformaba o entorno natural senón que o mantiña e contribuía á súa reproducción. Finalmente mostrarase como este tipo de situación aínda se podía rexistrar fai poucos anos entre sociedades antropolóxicas actuais que hoxe se atopan, con todo, en proceso de desaparición

  • Arte Rupestre

Esta actividade versa sobre a Arte Rupeste, nela explícanse tanto as técnicas de pintura como as de gravado, as interpretacións que podemos facer no presente, quen eran os seus autores qué materiais empregaban, etc. Amósanse cales son os principais núcleos de Arte Rupestre, e como se desenvolve o traballo dos arqueólogos neste campo.




jueves, 18 de octubre de 2007

PROGRAMACIÓN ACTIVIDADES

CHARLAS: Descubrindo a Arqueoloxía e o Patrimonio

  • O traballo dos arqueólogos
  • A Paisaxe en Galicia: unha aproximación dende a Arqueoloxía
  • Os habitantes dos castros
  • O ciclo solar e as festas
  • O Lobo: os medos da xente
  • A agricultura e o pan
  • As paisaxes galegas
  • A guerra e formas de guerra no NW
  • Arqueoloxía da Paisaxe, o que hai detrás do que vemos dende as nosas ventás
  • Arte Rupestre

VISITAS GUIADAS

  • Descubrindo Compostela
  • Visita ó Castro de San Cibrán de Las
  • Campo Lameiro: A capiltal galega da Arte Rupestre
  • Camiñando entre túmulos
  • Achégate a Prehistoria en Neixón
  • Visita guiada pola historia da Terra de Soneira: Dolmens, castros e etnografía
  • Do Neolítico a Idade do Ferro: Dolmen de A xeitos e Castro de Baroña

OBRADOIROS

  • Cerámica Prehistórica
  • Os Debuxos nas Rochas
  • Pedras e Terra

XORNADAS DE PORTAS ABERTAS (do 5 ó 16 de novembro)