viernes, 19 de octubre de 2007

Charlas: Descubrindo a Arqueoloxía e o Patrimonio



  • O traballo dos arqueólogos

Esta actividade trata sobre cómo os arqueólogos estudian a forma en que vivían e se relacionaban os homes/sociedades do pasado, co fin de definir trazos arqueolóxicos, coñecer a súa cultura material e a través dela a súa forma de vida e estudar as formas de organización social, política, económica e ideolóxica. Amósanse os tipos xerais de xacementos e os métodos de escavación e estudo, explicando dende o traballo en campo ata o traballo no laboratorio.

  • A Paisaxe en Galicia: unha aproximación dende a Arqueoloxía

Trata de como o ser humano ó longo dos anos foi transformando o medio natural. Neste sentido, cada sociedade foi modelando a Paisaxe tanto en sentido físico como simbólico. A influencia do ser humano na Paisaxe é fundamental para comprendelo, de modo que a Arqueoloxía como disciplina resulta imprescindible para poder analizar as distintas formas que cada sociedade desenvolveu ó longo tanto da Prehistoria como da Historia.-*/

  • Os habitantes dos castros

A actividade exponse cun dobre obxectivo: en primeiro lugar, aproximar os oíntes a un fenómeno tan característico de Galicia como os poboados fortificados (castros), que han de ser entendidos non soamente como unha manifestación material do pasado senón tamén como espazos de forte significación na actualidade. En segundo lugar, aproximar os oíntes os métodos, técnicas e problemática propias da Arqueoloxía como disciplina capaz de producir coñecemento sobre o pasado a partir do recoñecemento e análise da materialidade no presente. Tendo en conta estes presupostos elaborouse esta charla dunha hora apoiada en documentación visual co fin de facilitar os oíntes a compresión dos contidos aportando numerosos exemplos e características propias da arqueoloxía galega.

  • O ciclo solar e as festas

Inténtase amosar a percepción que os campesiños teñen do tempo solar e de como esa percepción é froito dunha longa tradición que se remonta os inicios das primeiras comunidades agrícolas. O seu tempo está marcado polo ciclo anual e os cambios estacionais fixados a través do culto as súas divindades e da observación dos astros. Trátase de facer ver os participantes como ese ciclo anual, fixado a través do tempo e cun determinado fin, foi adquirindo diferentes contidos debido, sobre todo, á imposición da relixión cristián que intentou ocultar o verdadeiro sentido da influencia dos astros na sociedade tradicional.

  • O Lobo: os medos da xente

Faise un percorrido do que significa o lobo para a nosa cultura tradicional, tanto dende o punto de vista de animal depredador como dende o punto de vista simbólico. Preséntanse as tradicións populares, lendas e mitos entorno ó lobo en Galicia e téntase amosar o importante papel do lobo na cultura tradicional e para o coidado da especie.

  • A agricultura e o pan

Realízase un percorrido mais que da historia do pan, da historia da alimentación con cereais, dende os inicios no Neolítico, pasando pola época castrexa, romana, medieval, moderna e contemporánea, abarcando, en cada estadio cronolóxico, o tema da posta en cultivo, tipos de plantas e de froitos, almacenaxe do producto, transformación do mesmo e cocción. Desta xeito faise un percorrido sintético, á par que didáctico, dos cambios e novidades adaptados ou introducidos ó longo da prehistoria e historia. Para a presentación tómanse exemplos do rexistro arqueolóxico así como tamén da antropoloxía cultural e do rexistro actual tomado das sociedades tradicionais.

  • As paisaxes galegas

Dentro da Península Ibérica, que é unha das zonas con máis biodiversidade de Europa, Galicia ten unha paisaxe diversa e contrastada. Diversidade que vai dende as formas do relevo que caracterizan tanto as liñas da paisaxe costeira –cantís, praias, lagos,…- como os de interior –serras, depresións,…- ata os matices climáticos que van definindo os niveis pluviométricos de norte a sur e da costa cara o interior. O resultado a nivel paisaxístico queda plasmado pola diferenciación de matices entre áreas eminentemente atlánticas e outras que amosan evidentes trazos de mediterraneización. Esta variedade tamén se aprecia tanto a nivel faunístico como na vexetación, na que predominan como elemento natural os carballos que tamén oscilan entre faias e sobreiras.

  • A guerra e formas de guerra no NW

Revísanse os cambios na práctica guerreira entre a Idade do Bronce e a Romanización, cambios que se interpretan como unha consecuencia das transformacións sociais vividas polas sociedades do NW peninsular ao longo deste período e da reversibilidade de devanditos cambios sociais. Ao mesmo tempo tamén se analiza a práctica do combate singular e interprétase, con axuda de comparacións con outras poboacións antigas, históricas e primitivas actuais, como un testemuño de sociedades nas que existen grupos especializados na actividade bélica e como testemuño da implantación, no NW, dunha ideoloxía guerreira na prehistoria recente.

  • Arqueoloxía da Paisaxe, o que hai detrás do que vemos dende as nosas ventás

A temática principal é a Arqueoloxía da Paisaxe, á vez que se inicia aos participantes nesta disciplina, nos seus instrumentos de análise e metodoloxías, trasládaselles a idea básica de que a Paisaxe é o resultado da acción humana e un producto da sociedade. O obxectivo esencial da actividade é amosar que o estudo e caracterización da Paisaxe dende a Arqueoloxía, permite descubrir as características principais de cada momento histórico e, en concreto, a cambiante actitude humana cara á natureza e o entorno. Deste xeito, farase unha breve historia que expón como o proceso actual de artificialización do mundo e destrucción do medio natural é un proceso relativamente novo que caracteriza ás sociedades industriais, aínda que, en diferentes escalas e con diferentes condicións, pódese retrotraer ata o inicio do Neolítico fai 7000 anos. Asemade amosarase que a idea do Paraíso Perdido, o Bo Salvaxe e o Medio Natural son tópicos ideolóxicos que, con todo, reproducen o eco dunha prehistoria (anterior ao Neolítico) na que a vida social non transformaba o entorno natural senón que o mantiña e contribuía á súa reproducción. Finalmente mostrarase como este tipo de situación aínda se podía rexistrar fai poucos anos entre sociedades antropolóxicas actuais que hoxe se atopan, con todo, en proceso de desaparición

  • Arte Rupestre

Esta actividade versa sobre a Arte Rupeste, nela explícanse tanto as técnicas de pintura como as de gravado, as interpretacións que podemos facer no presente, quen eran os seus autores qué materiais empregaban, etc. Amósanse cales son os principais núcleos de Arte Rupestre, e como se desenvolve o traballo dos arqueólogos neste campo.




No hay comentarios: