viernes, 19 de octubre de 2007

Visitas guiadas


  • Descubrindo Compostela

A actividade consiste nunha visita guiada polo casco histórico da cidade de Santiago de Compostela, facendo un percorrido intra e extramuros da segunda cerca que se construíu durante o s. XI, ampliando o recinto da anterior muralla do s. IX e, en consecuencia, as dimensións da cidade compostelá. Con este percorrido e a través dunha serie de paradas e actividades que se realizan in situ cos participantes, preténdese que cheguen a recoñecer por si mesmos os restos conservados da muralla, as transformacións que ao longo do tempo se van producindo nas cidades amuralladas, de seu limitadas ao crecemento pola existencia dun elemento que as encorseta e que debe integrarse, transformarse ou eliminarse en prol do propio crecemento urbanístico da cidade, o recoñecemento de microtopónimos que se conservan no trazado das súas rúas e prazas e que recordan a anterior condición amurallada de Santiago, etc. Ao final da visita, preténdese que os participantes comprendan o concepto de cidade histórica como algo vivo, mixtificado, emerxente, cambiante, ao longo do tempo, no que se conservan unha serie de elementos que nos falan do seu pasado pero que conviven con outros froito das necesidades socio-económicas, políticas, relixiosas ou funcionais de cada período histórico concreto.

  • Visita ó Castro de San Cibrán de Las

A visita céntrase en San Cibrán das, un dos asentamentos fortificados da Idade do Ferro máis grandes de Galicia. A organización do poboado responde á tipoloxía propia do asentamento indíxena-prerromano, á vez que reflexa con forza as influencias do mundo romano. Á súa vez, a denominada “casa-patio” é a expresión da unidade familiar. Así mesmo, cabe destacar a relación do “castro” coa explotación dos recursos e comunidades do seu entorno.

  • Campo Lameiro: A capiltal galega da Arte Rupestre

Versión I: Campo Lameiro e Cotobade son os municipios galegos con maior número de petróglifos catalogados, sendo estes ademais de gran calidade artística e complexidade compositiva. Trátase dun dos máis importantes conxuntos da arte rupestre europea, polo que se propón realizar unha visita na que se explicará aos asistentes que a interpretación dun petroglifo non consiste só en comprender os motivos gravados senón en analizalos no seu contexto, na paisaxe en que se localizan, e ver como diferentes paneis poden relacionarse entre si ordenando o espazo. Como parte práctica, realizarase un calco dun dos petroglifos visitados seguindo unha metodoloxía arqueolóxica.

Versión II: Petroglifos na noite

Percorrido dispoñible a partir de finais de outubro, aproveitando que os días son máis curtos xa que terá lugar o atardecer, momento máis propicio para contemplar os petroglifos en todo o seu esplendor coa axuda dos focos e dos materiais que emprega habitualmente o equipo de traballo de Arte Rupestre do Laboratorio. Os participantes poderán contemplar esceas de caza, guerreiros montando a cabalo, armas da Idade do Bronce, etc.

  • Camiñando entre túmulos

Visita o conxunto megalítico da Serra do Barbanza, itinerario de contido cultural que percorre un dos conxuntos megalíticos máis importantes de Galicia. Explícanse as características destes xacementos arqueolóxicos de natureza monumental, o seu contexto histórico e a forma de implantarse na paisaxe. Seguindo a ruta megalítica pódese chegar a percibir como fai 6.000 anos se organizou a paisaxe da Serra.

  • Achégate a Prehistoria en Neixón

Visitas guiadas o Castro e o Centro de Interpretación de Neixón (Boiro, A Coruña). A actividade consta dunha visita guiada o Castro de Neixón, onde se explican os últimos resultados das intervencións levadas a cabo no xacemento; e visita o Centro Arqueolóxico de Barbanza, centro de interpretación asociado o xacemento onde se expón a evolución do poboamento prehistórico na Península de Barbanza.

  • Visita guiada pola historia da Terra de Soneira: Dolmens, castros e etnografía

Visita os xacementos arqueolóxicos máis destacados da comarca. Iníciase cunha serie de monumentos megalíticos dispersos polo concello de Vimianzo e continúa coa visita ó Castro de Borneiro. A actividade complétase coa visita a un conxunto etnográfico de muíños e batans. As visitas apóianse en material didáctico complementario e nun xogo de investigación sobre o Castro de Borneiro. O obxectivo é que os escolares adquiran coñecementos básicos sobre megalitismo, a Idade do Ferro e a Idade Moderna da comarca, e tomen conciencia da necesidade de protección e conservación do Patrimonio.

  • Do Neolítico a Idade do Ferro: Dolmen de Axeitos e Castro de Baroña

Visita a dous xacementos arqueolóxicos da península do Barbanza: o Dolmen de Axeitos e o Castro de Baroña. A través dun discurso didáctico apoiado en abundante material gráfico así como material lítico e cerámico, búscase achegar os participantes a dous exemplos de xacementos visibles: un túmulo do Neolítico e un asentamento da Idade do Ferro.


No hay comentarios: